Comprobado o avance da restauración da Rectoral de Cesullas, en Cabana

2 minutes read

O alcalde de Cabana, José Muiño, recibiu a Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, para comprobar o avance nas obras de restauración da Rectoral de Cesullas. Nesta visita déronse tamén cita unha quincena de veciñas e veciños da contorna.

O organismo autonómico concedeulle ao Concello de Cabana un préstamo de 148.000 euros sin intereses para esta fin, ao abeiro do Fondo de Cooperación para Rehabilitación e Conservación do Patrimonio construído en concellos de menos de 50.000 habitantes. Deberase devolver nun prazo máximo de 8 anos.

A través deste fondo, que naceu hai 6 anos, o goberno galego leva concedidos máis de 11 millóns de euros a un total de 23 municipios.

Desde o Concello de Cabana, incídese na relevancia destas intervencións non só para a preservación e posta en valor dun edificio senlleiro como é a Rectoral de Cesullas, senón para “dotalo de vida e que o asociacionismo e actividades municipais poidan ter cabida no seu interior”.

Neste sentido, o alcalde de Cabana, José Muiño, fixo fincapé na relevancia de “poder contar coa Xunta para a rehabilitación da Reitoral de Cesullas, un espazo a carón da Igrexa de Santo Estevo que terá unha nova vida na que unha das protagonistas será a música, xa que será ocupada pola Coral, entre outras actividades. Estamos moi contentas e contentos de que esta iniciativa saia adiante porque, de verdade, é un edificio arquitectonicamente precioso e cunha historia que ben merece ser continuada”.

Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, subliñou que “temos que estar ao carón dos Concellos para facerlles a vida un pouco máis doada, de aí que saquemos un programa como este ca finalidade de que os municipios avancen nestas obras de rehabilitación e conservación de edificios como esta marabillosa Reitoral de Cesullas”, e quixo agradecer “a toda a veciñanza presente hoxe aquí, ao párroco e a Cáritas pola súa implicación nun proxecto que verá a luz, agardamos, antes deste verán”, concluíu.

O alcalde de Cabana, José Muiño, recibiu a Ánxeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, na Rectoral de Cesullas.