Pontecesures abre inscricións para unha charla sobre control parental nas redes sociais

2 minutes read

O Concello de Pontecesures, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, organiza un curso formativo sobre control parental no acceso da mocidade ás redes sociais, como medida de prevención contra a violencia de xénero. Unha charla que será impartida o vindeiro mércores 23 de novembro, ás 19:00 horas, na Casa do Concello de Pontecesures.

A entrada é totalmente de balde, se ben é preciso anotarse previamente a través do mail infoigualdade@gmail.com ou chamando ao teléfono 622 098 721. A xornada está especialmente dirixida a pais e nais con fillos e fillas adolescentes, para que coñezan sistemas para controlar o seu acceso a Internet e ás distintas redes sociais e aprendan a detectar condutas de violencia de xénero dixital. Cuestións como o ciberacoso, o intercambio de imaxes privadas, o control por parte da parella a través de dispositivos móbiles… serán analizadas como unha nova forma de exercer violencia de xénero pero que en moitas ocasións non é vista como tal entre a mocidade, que mantén unha percepción moi baixa dos seus efectos perniciosos.

Agresión Off

Por outra banda, a campaña “Agresión Off: eu digo non á violencia sexual”, promovida pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, chegará este venres 18 de novembro a Pontecesures. O stand informativo situarase no pavillón polideportivo, en horario de 9:00 a 15:00 horas, onde será visitado polos escolares do CPI e Pontecesures e por calquera persoa que se achegue por aló. Esta iniciativa ten por obxectivo achegar á poboación os recursos dispoñibles para avanzar na igualdade e na loita contra a violencia de xénero, para o que porá a disposición dos veciños e veciñas de Pontecesures diferentes talleres de sensibilización e actividades lúdicas.

Unhas actividades deseñadas para ser inclusivas e accesibles, e que estarán abertas a persoas de todas as idades. De feito, para o público infantil haberá un espazo habilitado para desenvolver dinámicas adaptadas a súa idade. Entre as temáticas a abordar figuran o desmantelamento de estereotipos de xénero co obxectivo de combater o sexismo desde a infancia; mitos sobre o namoramento, alerta ante micromachismos, parella e igualdade ou autoestima e a valoración persoal.