Galicia referendou un ano máis o seu “non” rotundo contra a violencia de xénero, amosando o seu rexeitamento público ante esta lacra e o seu avance cara a unha cultura do respecto á igualdade. Máis de 7.000 persoas sumáronse este domingo á décima edición da andaina contra a violencia de xénero con motivo do 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero. A conselleira da Igualdade, María Jesús Lorenzana, completou o percorrido entre o Monte do Gozo e a praza do Obradoiro, en Santiago de Compostela, acompañada de milleiros de cidadáns e cidadás e representantes da sociedade galega, para amosar o seu rexeitamento ante esta lacra. A titular da Igualdade, fixo un chamamento para “redobrar esforzos para amosar solidez fronte a lacra en todos os discursos, en todas as accións políticas e tamén na fronte lexislativa, que xunto á concienciación é un dos piares esenciais dunha loita que esixe consensos, unidade e unha mirada de longo percorrido sen excluír a ninguén”.
18