Nun acto organizado polo BNG na localidade de Camelle, en Camariñas, para lembrar os vinte anos da catástrofe do Prestige, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que ante este desastre ecolóxico “o pobo galego respondeu con dignidade, orgullo, valentía e coraxe” e amosou toda a súa “indignación” ante as mentiras, manipulación e incompetencia do Goberno Popular no Estado e na Xunta coa intención de tapar “o desastre”.
Pontón manifestou que Galiza “ debe coller as rendas da súa costa, do noso litoral” e por iso dende o BNG reclamamos: “a transferencia en materia de salvamento marítimo e loita contra a contaminación mariña”, porque unha das grandes leccións que nos deixou o Prestige é que debemos decidir sobre o noso mar. “Madrid o único que fixo foi converter un accidente na maior catástrofe ambiental da nosa historia”, concluíu.