As instalacións do Pazo de Mariñán (Bergondo) acolleron a primeira sesión do “Curso de formación en Restauración”, unha iniciativa gratuíta organizada pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés e a Deputación da Coruña que está dirixida a todos os establecementos da Rede Stelar que dan servizo de comida aos peregrinos. A formación está sendo impartida por Lolo Mosteiro e Paula Martínez, propietarios dun dos restaurantes da Rede Stelar: “A Artesa da Moza Crecha” (Betanzos).
“Imos falar de calidade turística e de como acadar a excelencia no Camiño”, explica Paula Martínez, quen salienta que despois “dunha segunda parte teórica de cociña no Camiño, en decembro faremos unha práctica de cociña para elaborar un Menú Stelar con produtores locais, onde lles amosaremos como traballamos con eles directamente e como xeramos un pouco de economía circular”. Unha sesión que terá lugar o luns 12 de decembro, de 10:30 a 12:00 horas, nas instalacións de “A Artesa da Moza Crecha”, local que vén de ser distinguido este mesmo mes de novembro co Premio Nacional de Gastronomía “Plato de Oro 2022” ao tempo que Lolo Mosteiro e Paula Martínez recolleron tamén o “Touch Blanche 2022” polo seu bo facer na súa profesión de cociñeiros.
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, lembra que a creación deste “Menú Stelar” para o peregrino era unha das razóns da creación da Rede Stelar, unha rede de trinta establecementos turísticos que apostan pola excelencia e a calidade na atención ao peregrino no Camiño Inglés. “Non estamos falando dun menú a prezo baixo, senón de ofrecer o mellor a un prezo de mercado”, puntualiza Mirás Franqueira, quen lembra que “a intención deste menú é poñer en valor os nosos recursos gastronómicos e poder amosarlles aos visitantes do Camiño Inglés o enorme potencial existente no noso territorio”