O Concello de Brión pon en marcha por undécimo ano consecutivo a campaña especial de Nadal de “Brión Solidario”, unha iniciativa que busca recoller alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados para as familias máis vulnerables do municipio. O alcalde, Pablo Lago Sanmartín, agradece por adiantado “a sempre extraordinaria colaboración veciñal” nunha Campaña de Nadal que serve “para poder completar as entregas que o Concello desenvolve ao longo de todo o ano, en colaboración co Banco de Alimentos”.
Todas as persoas e entidades que desexen colaborar na campaña de 2022 poden dende este xoves achegar as súas doazóns nos distintos centros municipais (Casa do Concello, Casa da Cultura, Centro Social Polivalente e Biblioteca Municipal) así como no supermercado Froiz de Montebalado. Búscanse alimentos non perecedoiros e correctamente empaquetados, especialmente azucre, produtos de Nadal, conservas e produtos de hixiene persoal. Así mesmo, dende os Servizos Sociais de Brión lembran que tamén son ben recibidos o aceite, o leite, a pasta, o arroz ou as galletas.
Tamén existe a posibilidade de entregar un donativos en metálico ben na Tesourería Municipal do Concello de Brión ou ben a través dun ingreso na conta do Concello en Abanca de Montebalado. En ambos os dous casos, a persoa ou entidade doadora recibirá o correspondente xustificante de ingreso.
