A primeira quenda dos campamentos de verán que, como cada ano, organiza o Concello da Laracha, estase a desenvolver desde este luns e rematará o venres, sendo a praia de Caión o escenario da maioría das actividades que se están a levar cabo cos cincuenta nenos participantes, todos eles de idades comprendidas entre os oito e os once anos.
Cada día o autobús cos rapaces e os monitores sae da praza do Concello ás 10:00 horas e regresa 18:00. A parada para o xantar nas instalacións das antigas escolas da Insua de Caión é ás 14:00 horas. Durante toda a semana os participantes realizan moi diversas actividades lúdicas, recreativas, educativas, culturais e deportivas.
Neste campamento o Concello da Laracha asume os custos do transporte, do xantar e de todas as actividades que se realizan no termo municipal da Laracha.
A segunda quenda dos campamentos de verán de Caión, dirixida a mozos de entre doce e quince anos de idade, comezará a desenvolverse o luns da próxima semana, coas cincuenta prazas xa cubertas.
Todos os anos o Concello da Laracha aposta por celebrar estes campamentos no marco do programa cultural e deportivo de verán aproveitando as instalacións municipais existentes en Caión e as características da vila, que permiten organizar un amplo abano de actividades nesta época do ano. Ademais de ofrecer ao nenos a posibilidade de divertirse practicando deporte e realizando actividades de tipo educativo, os campamentos son tamén unha importante axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar dos seus pais durante as vacacións nos centros educativos.
16