A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue visitando as parroquias carballesas. Nesta ocasión o secretario xeral Xesús Deus Gende, o de organización José Luis Bardanca, o responsable de benestar animal Sergio Gundín Vilanova e a responsable de sanidade, benestar e zona, Patricia Rodríguez Cruz, percorreron Razo e Oza, onde recolleron novas reivindicacións veciñais.
«En Razo pregúntanse cando se procederá ao arranxo da estrada que permanece cunha enorme focha desde hai moito tempo, que transcorre á beira da praia e que non conta apenas con medidas de seguridade apropiadas para evitar contratempos», apuntan desde a formación. Ademais fanse eco da necesidade dun arranxo urxente da vía que une Razo con Baldaio, a creación dunha zona para autocaravanas cos servizos necesarios, un parque infantil sen reformar, o abandono do lugar de vernes, os rumores sobre o estacionamento, a necesidade de arranxar o firme en distintos lugares ou a incerteza de se os traballos de reforma que se están levando a cabo estarán listos no prazo dos catro meses anunciados, son, entre outras, as cuestións que máis preocupan.
Na parroquia de Oza seguen demandando unha senda peonil pola estrada de competencia provincial, melloras dalgúns firmes, o cumprimento da lei sobre incendios e especies arbóreas ou a chegada da rede de sumidoiros a algunhas zonas.
«Puidemos constatar que pasa o tempo e existen moitas demandas veciñais que no seu día se trasladaron, que seguen nun limbo burocrático por parte dun Goberno local que promete pero non cumpre na medida do que se espera á saída das reunións. Un si pero non constante, que se repite por todas as parroquias», conclúe Xesús Deus Gende.