As mulleres non poderán asistir ás universidades en Afganistán, nin públicas nin privadas, con efecto inmediato e «ata novo aviso» segundo unha orde publicada este martes polo Goberno dos talibán, que xa prohibiu hai un ano a educación secundaria das nenas.
O anuncio do Goberno talibán espertou a indignación de distintos líderes e organizacións internacionais. A ONU alertou de que este novo veto ás mulleres vai ter un efecto devastador no futuro do país. Subliñou que se trata dun movemento «moi inquietante» que supón «outra promesa rota» polas autoridades talibán.
Estudantes de universidade afgáns abandonaron as aulas e iniciaron pequenas protestas este mércores como mostra de solidariedade coas mozas afgás. Na universidade de Nangarhar, ao leste de Afganistán, as xa exestudiantes tamén se atreveron a protestar, xunto con algúns dos seus compañeiros, ao berro de «ou todos ou ningún». Aseguran que non hai nada no Islam que faga que se poida prohibir a educación ás mulleres.