Xuntos Carballo M+J finalizou o seu primeiro percorrido por barrios e parroquias

2 minutes read

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto cumpriu a súa folla de ruta coa visita ás dezaoito parroquias e barrios que conforman o municipio. Tal e como tiñan programado para este ano 2.022 percorreron todo o territorio recollendo multitude de queixas e reivindicacións, escoitando de primeira man aos veciños/as que amablemente lles atenderon. Agora, queren desexar unhas felices festas e un próspero aninovo 2.023 para todos/as.

Todo o recolleito incorporarase ao programa político da agrupación para as próximas eleccións municipais. «Foron moitos os lugares que percorremos a pé, charlando con aqueles/as que nos atopabamos polos camiños, pistas, estradas, nalgún bar, cafetería ou taberna onde nos parabamos a tomarnos un café quente, pois houbo días de frío intenso. Lugares todos eles que nos proporcionaron valiosa información e que agradecemos profundamente. Foi unha experiencia magnífica que nos permite coñecer de primeira man o que lle inquieta ou incómoda á veciñanza. Só nos queda dar as grazas polo bo trato recibido, por facernos partícipes das súas opinións e pensamentos saídos desde o máis fondo dos seus corazóns», afirman desde a formación municipalista.

Ademais dan a benvida a unha nova compañeira que se fará cargo da parroquia de Oza, onde reside. Sandra Pérez Lorenzo formará parte da candidatura para as eleccións municipais do mes de maio de 2.023.

«Este ano, xa sen restricións, puidemos volver xuntarnos nestas datas do Nadal, para seguir estreitando lazos de amizade e fraternidade que nos unen. Somos un equipo serio que traballa unido, que adopta decisións consensuadas entre todos/as, persoas humildes, traballadoras, que nos esforzamos e loitamos polo ben común. Sempre coa verdade por diante, defendendo todo aquilo que nos parece xusto, dando a coñecer todas e cada unha das queixas e reivindicacións que a veciñanza nos transmite. Acudindo a todos e cada un dos lugares desde onde solicitan a nosa presenza. Cremos que o entendemento e o consenso deben de ser o principal obxectivo para o desenvolvemento do noso Concello, deixando ao carón ideoloxías e bandeiras que para nada benefician á cidadanía. Retomaremos novamente as visitas porque nos parece indispensable estar coa xente, seguir escoitando, para ser esa voz que o pobo tanto necesita», sinalaba Xesús Deus Gende, candidato á alcaldía por Xuntos Carballo M+J.