O proxecto de pump track foi o gañador no proceso de votación dos orzamentos participativos do Concello de Betanzos no que participaron 420 persoas.
A proposta, unha vez comprobados por parte dos servizos municipais os votos emitidos, recibiu 101 apoios, por diante da pista de atletismo que obtivo 66; a mellora da pista cuberta deportiva que tivo 45 e a renovación de máquinas e material do ximnasio municipal que chegou aos 44.
Dos 420 votos, anuláronse 93 ao non estar empadroados, 8 que repetiron dúas veces a votación e dúas por ser menores de 16 anos, requisitos que estaban contemplados nas bases.
Agora, tras os resultados, o Concello encargará un proxecto para acometer esta actuación xa que, en principio, non superará os 100.000 euros establecidos como tope nos orzamentos participativos.
Esta proposta xa foi a máis demandada no proceso de presentación de proxectos, con 27 solicitudes. Trátase dunha instalación dirixida aos afeccionados ao ciclismo ao aire libre que os servizos técnicos municipais consideraron situar nunha parcela do parque do Pasatempo.
Se a proposta seleccionada non cubrise a totalidade da partida orzamentaria, o sobrante destinarase ás seguintes elixidas, a condición de que sexa viable a súa execución, ata esgotar o orzamento de 100.000 euros.