O Concello de Oleiros imponse á Xunta e non haberá pasarela a Santa Cristina

1 minutes read

A Xunta de Galicia anunciou que desistía de continuar co proxecto de pasarela á praia de Santa Cristina. Desde un inicio, o Concello de Oleiros opúxose por atentar contra o medio ambiente, a paisaxe e non resolver ningún problema de mobilidade. O Concello da Coruña, en cambio, non se posicionou con claridade.
 
“Desde un principio opuxémonos rotundamente a que se atentase contra a praia de Santa Cristina coa construción dunha pasarela. Nas décadas dos 60 e 70 destrozouse moitísimo esta praia e o que faltaba agora era que se eliminase o pouco que queda das dunas…”, comentou o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.
 
“Tamén dicíamos que este anuncio era todo fume, unha mentira do PP con vista ás próximas eleccións. Lamentablemente o Concello da Coruña fíxolle o xogo ao Partido Popular, tardando moito en definir a súa postura e agardando ata última hora, dicindo que si se facía por aquí ou por alí, pero sen realmente mollarse para intentar non perder votos”, dixo. 
 
Cos supostos 8 millóns que ían destinarse á pasarela, sería de maior utilidade para a mobilidade e o medio ambiente a creación dun paseo marítimo desde Oza ata A Pasaxe, para conectar co xa existente de Culleredo ata ese punto e coa futura ponte da Pasaxe, que contará con beirarrúas e carrís bici de 6,5 metros de ancho por ambas marxes da nova ponte.