O orzamento destinado para esta liña de subvencións é de 100.000 euros e o importe máximo concedido por concello elevarase ata os 20.000 euros. Os automóbiles adquiridos deberán ser novos ou de quilómetro cero. Esta medida ten como obxectivo realizar un apoio económico ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes para a mellora da prestación esencial do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destaca que esta nova liña “pretende dar solución a unha das principais demandas que nos trasladan os pequenos municipios que xestionan directamente os servizos de axuda no fogar, como é o desprazamento do persoal en distancias que ás veces, sobre todo nos concellos rurais, son de moitos quilómetros e que ata agora viñan asumindo con vehículos particulares”.
A deputada de Benestar Social, Ana Lamas, enmarca esta nova liña de axudas “na estratexia de mellora continua que estamos a aplicar nas políticas sociais da Deputación da Coruña, reforzando non só o persoal e as horas se axuda no fogar que financia a Deputación, senón tamén cuestións coma os desprazamentos que ata agora non estaban contempladas”.
As entidades solicitantes deberán estar prestando o SAF con persoal auxiliar propio. Ademais, deberán adscribir o vehículo aos servizos sociais para o seu uso polo persoal no fogar propio, e polo resto de persoal técnico do programa de SAF da modalidade de libre concorrencia durante toda a súa vida útil, que deberá ser un mínimo de 5 anos.