Xuntos Carballo M+J pide novamente que se cumpra co prometido nos parques públicos

1 minutes read

A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto pregúntase que foi das promesas realizadas e publicadas en reiteradas ocasións das reformas integrais dos parques públicos carballeses.

«Nun artigo especificábase que os parques do centro, Milagrosa e Eduardo Pondal contaban cun orzamento da Deputación de 551.568,40 euros aprobado en outubro de 2021. Posteriormente con data 9 de Agosto do pasado ano, outro titular publicitando o mesmo, pero inexplicablemente nesta ocasión a achega do ente provincial baixaba aos 44.1254,72 euros. O 29 de Xuño de 2022 facíase mención á renovación ou creación doutros parques situados en Artes, Bértoa ou Razo por valor aproximado de 300.000 euros, pero parece que aínda están no -limbo burocrático- habitual e a única explicación respecto diso é a típica resposta de: nos próximos meses», afirman desde a formación.

«Seguimos asistindo a un constante engano, baile de cifras e datas que nada teñen que ver co que se publicita. O realmente incomprensible e chafalleiro é o tapado con entullos e terra do estanque do parque da Milagrosa, que tiña un notable valor paisaxístico. Un goberno serio está chamado a cumprir co prometido e de non ser así , a oposición actual debería de actuar en consecuencia, máis nin uns nin outros fan aquilo para os que foron votados. Palabras baleiras e anuncios varios por parte dunha corporación municipal que só pretende seguir «vivindo do conto»; por iso pedimos que se empecen os traballos antes de que a contía diminúa ou desapareza, porque se dunha cousa estamos seguros , é que no noso concello hai un bo número de magos/as e ilusionistas», conclúe o voceiro e candidato de Xuntos Carballo, Xesús Deus Gende.