O Concello de Carballo decidiu este venres desactivar a prealerta por risco de inundacións. A decisión municipal coincide coa comunicación da Xunta de Galicia na que se dá por finalizado o episodio de fenómenos meteorolóxicos adversos costeiros de nivel laranxa, e establécese o nivel verde. Aínda así, dende os servizos de emerxencias municipais recoméndase á veciñanza que se manteñan as medidas de precaución tanto nas beiras dos ríos coma no litoral.
A desactivación da prealerta por risco de inundacións non significa que a situación estea normalizada, xa que o nivel do Anllóns continúa alto e moitos dos treitos habilitados para o paseo mantéñense intransitables. Nese sentido, as recomendacións seguen sendo as mesmas: evitar achegarse ás marxes dos ríos e manter a vixilancia nas vivendas situadas a menos de 50 metros das canles fluviais.
Ante calquera incidencia está a disposición da cidadanía o teléfono de emerxencias 112.