O parque empresarial e industrial da Laracha, que alcanza unha ocupación do 80%, ofrece aínda máis de 100.000 metros cadrados, en condicións óptimas para atraer a grandes empresas de diversos sectores.
A modificación de usos tramitada de forma conxunta desde a sociedade estatal Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), xestora do polígono, e o Concello da Laracha, permitiu que preto de 40.000 metros cadrados, correspondentes á mazá G e as parcelas F, situadas á entrada da área empresarial, se transformasen en terreos tanto terciarios como industriais.
Un cambio derivado do interese constatado polo polígono por parte de grandes empresas, vinculadas ao ámbito industrial, e que se percibiu nas últimas adxudicacións realizadas nos últimos catro anos.
Actualmente, quedan dispoñibles ao redor de 110.000 metros cadrados, con parcelas con dimensións que oscilan entre os 1.200 e os 21.000 metros cadrados, tanto de uso terciario, como mixto e industrial.
Ademais, permítese a posibilidade de agrupar parcelas para adaptar así a oferta á diversa demanda existente.
Só unha década despois da súa inauguración, o polígono da Laracha converteuse así nun polo xerador de emprego, ao sumar varios centenares de traballadores nas distintas compañías xa instaladas.