Carballo e Uruguai abren unha nova vía de relación a través da cooperación cultural

1 minutes read

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez, recibiu este luns ao cónsul xeral de Uruguay en Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco, Ramiro Rodríguez Bausero, na súa segunda visita oficial ao concello tras tomar posesión do cargo en marzo do ano 2021. Na xuntanza tamén participaron os concelleiros Luis Lamas e Juan Seoane.

Os membros do goberno municipal e o cónsul conversaron sobre distintos asuntos de actualidade, aínda que o eixo da reunión foi a apertura dunha nova vía na histórica relación entre ámbalas comunidades a través da cooperación cultural. Nese sentido, Concello de Carballo e consulado seguirán en contacto para establecer a fórmula máis axeitada para materializar esa colaboración.

Ramiro Rodríguez destacou a “relación extraordinaria” que existe entre Carballo e Uruguai, e interesouse pola evolución tanto da representación carballesa en Uruguai coma da uruguaia en Carballo. O cónsul avanzou que para este ano está prevista unha nova visita da embaixadora do seu país en España, Ana Teresa Ayala Barros, a Galicia, e mencionou a posibilidade de que volva a achegarse ata Carballo. “Estaríamos encantados”, respondeulle o alcalde.