A formación municipalista Xuntos Carballo por un mundo máis Xusto segue ampliando a súa estrutura nas diferentes parroquias, con novas incorporacións. Nesta ocasión únese á agrupación Tobías Santos Aldao, que reside no lugar de Calvos (Rús). O recentemente incorporado farase cargo da Alta de Rus e Entrecruces. A formación insiste en que hai moito que fiscalizar ao actual Goberno local nestas zonas.
«Somos unha agrupación que se consolida cada día máis en todo o territorio municipal, tendo a inmensa sorte de contar con persoas que queren involucrarse para lograr que os lugares ou barrios onde residen estean dotados de todos os servizos que lles corresponden. O cambio que tanto necesita Carballo está en marcha e como dixemos en diversas ocasións chegará desde unha opción municipalista que non teña ataduras nin intereses partidistas como as actuais, máis preocupadas polo poder no ámbito autonómico ou nacional”, sinalan dende Xuntos Carballo.
«Nós somos esa forza que o pobo necesita.Traballar con humildade, esforzo, dedicación, rigor, respecto e fraternidade. Grazas a toda a cidadanía por facernos chegar as súas inquietudes, reivindicacións e queixas. Cada día somos máis e máis fortes. Somos a forza do pobo,» conclúe o secretario xeral da formación, Xesús Deus Gende.