Cerceda recibiu nun acto institucional a Jonathan Barreiro, campión da Copa do Rei de baloncesto

1 minutes read

O Concello de Cerceda recibiu cun acto institucional a Jonathan Barreiro, deportista cercedense actualmente nas filas do Unicaja de Málaga e que se proclamou a pasada semana campión da Copa do Rei de baloncesto, tras derrotar na final ao Lenovo Tenerife.

Tivo lugar na mañá deste venres 24 de febreiro, no Salón de Plenos do Consistorio e acudiron o alcalde, Juan Manuel Rodríguez, e o resto de concelleiros e concelleiras do goberno e parte dos integrantes da Corporación municipal.

Barreiro, de 26 anos, amosouse “moi agradecido por este recoñecemento” e confesa estar “feliz non só polo título, senón pola oportunidade de ganar unha competición no máis alto nivel do básquet nacional e que isto sirva para ser espello á mocidade. Con traballo, esforzo e máis traballo, hai posibilidades de chegar ao máis alto”, sentenciaba o profesional da canastra.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destacou que “é un cercedense que xoga na segunda mellor liga de baloncesto do Mundo, compite na Euroliga e todos admiramos o seu éxito, que estácomposto or un talento innegable, pero tamén polo que máis admiramos: a súa capacidade de traballo, que coa súa resiliencia e a súa humildade leva o nome de Cerceda polo Mundo adiante”, resaltou.