O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería de Educación que atenda ás demandas das familias usuarias do Centro de Educación Especial de Carballo e garanta a súa continuidade na comarca de Bergantiños. Alerta de que a supresión do convenio de Aspaber coa Xunta deixa desatendidas a 20 familias, obrigadas a buscar praza lonxe da súa casa.
Martín Seco alude ao recente comunicado emitido pola Asociación de Pais de Discapacitados Psíquicos de Bergantiños -Aspaber-, a finais de agosto renunciando ao convenio porque “na actualidade as nosas instalacións non son as adecuadas para ofrecer a atención educativa que merecen os nosos alumnos”. Este comunicado, sinala, “indica que se a Xunta atendera ás demandas do centro para ter unhas instalacións axeitadas, a continuidade do servizo estaría garantida”.
O parlamentario socialista presenta estas iniciativas logo de varios encontros coas familias, que teñen comezado un calendario de mobilizacións reclamándolle á Xunta que aporte “solucións reais e xustas ante esta situación, e que non incidan negativamente no benestar dos alumnos e alumnas nin complique máis a súa vida”. Apunta que os afectados “necesitan do apoio dunha Administración que unha vez máis se esquece da comarca de Bergantiños”.
Sinala que a Consellería de Educación “debe dar resposta a uns pais e nais moi preocupados, porque ven como a desaparición do centro educativo suporá un empeoramento do proceso educativo dos seus rapaces, e dificultará máis a difícil conciliación das familias”. Engade que “para ter un servizo similar terán que buscar praza na Coruña ou Santiago, lonxe da súa poboación de orixe”.