Pontedeume acolle a Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na rúa

1 minutes read

Pontedeume acolle esta fin de semana a terceira proba da “Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na rúa”, despois das realizadas en Carballo e Cerceda, cun gran éxito. A Copa 5×5, promovida pola Deputación e organizada pola Federación Galega de Balonmán, leva o balonmán a sete municipios da provincia da Coruña, nun proxecto dirixido a nenas e nenos de 6 a 11 anos, que se achegarán a este deporte dunha forma lúdica e divertida.

A competición de Pontedeume, que se celebrará na pista polideportiva do CEIP Couceiro Freijomil, comezará este venres (a partir das 16:30 horas), contará con 24 equipos (12 na categoría benxamín e 12 alevín) e preto de 200 rapaces e rapazas, que xogarán nunha pista de mini-balonmán ao aire libre con bancadas para 250 persoas para que familias e afeccionados poidan gozar vendo en acción aos máis pequenos/as.

Os equipos participantes deberán ter un mínimo de 5 integrantes, ademais dun/ha responsable de máis de 16 anos. Todas e todos os participantes recibirán unha equipación conmemorativa e os dous primeiros clasificados de cada proba en cada categoría recibirán un trofeo e medallas para todos os integrantes do equipo.

A Copa 5×5 Deputación da Coruña – Balonmán na Rúa conta con sete probas clasificatorias, nas que houbo algún cambio, ao non adaptarse o lugar proposto as necesidades da montaxe do evento. Desta forma, a Copa 5×5 xa pasou por Carballo e Cerceda, e agora desprazarase ata Pontedeume. Nas próximas datas tamén se desprazarán a Culleredo, Ribeira e Ferrol e a gran final, que se disputará en Camariñas, coa participación dos seis campións das probas anteriores.