O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, mantivo este luns unha reunión na Coruña co deputado delegado de Economía, Facenda, Especial de Contas, Persoal e Réxime Interior da Deputación da Coruña, Antonio Leira, para confirmar a consignación de 150.000 euros dunha subvención nominativa provincial para cofinanciar as obras de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos. Un proxecto xa aprobado polo pleno municipal brionés e que ascende a un importe total de 540.346,086 euros.
Pablo Lago agradeceu o compromiso da Deputación da Coruña “pois estamos falando dun proxecto moi necesario pois o actual polideportivo quedou pequeno e precisamos construír un segundo recinto que servirá tanto para a práctica deportiva como para acoller actividades culturais e educativas organizadas polo Concello, así como para o desenvolvemento de iniciativas do CEIP de Pedrouzos e o IES de Brión”. De feito, o proxecto inclúe tamén a construción dunha pérgola de acceso á nova ampliación, que protexerá tamén da choiva ao alumnado de ambos centros escolares tanto cando teñen que agardar polos autobuses de volta a casa como nas chegadas aos colexios durante a mañá.
O proxecto de ampliación do pavillón municipal de deportes de Pedrouzos inclúe a construción dun segundo recinto de 630 m2 a carón do actual polideportivo e que será utilizado tanto para a práctica deportiva como para a realización de actividades culturais e/ou educativas por parte do colexio, do instituto ou do propio Concello de Brión. O novo inmoble contará cunha capa impermeabilizante e con paneis absorbentes acústicos, polo que manterá unha boa temperatura e unhas condicións axeitadas para a práctica de calquera tipo de actividade cultural, social ou deportiva.