O pleno da Deputación da Coruña aprobou a rehabilitación da Casa da Xuventude de Santiago

1 minutes read

O convenio sobre a Casa da Xuventude de Santiago foi aprobado con 16 votos favorables de PSOE, BNG e Alternativa dos Vecinos, a abstención de Marea Atlántica e o voto en contra do Partido Popular. O acordo inclúe a cesión do inmoble á Deputación da Coruña e a completa adaptación do mesmo para o seu uso como oficina da Deputación en Santiago, espazo de coworking provincial e área de usos municipais.

A Deputación convocará un concurso de ideas para acometer a rehabilitación integral do inmoble, buscando unha mellor integración no entorno, máis accesibilidade e eficiencia enerxética, así como adaptar o inmoble a novos usos e servizos que ofrecerá á cidadanía compostelá. Ademais da rehabilitación integral do inmoble, prevese tamén a remodelación da praza do Matadoiro, abríndoa ao parque de Belvís en coherencia co novo acceso ao parque previsto no planeamento vixente.

O custo da rehabilitación ascenderá en 1.346.000 euros, que será financiada nun 73% (986.600 €) pola Deputación e o 27% polo Concello de Santiago (360.000 €), segundo se estipula no convenio.