O PP de Cerceda mantivo unha reunión cos empresarios locais e a veciñanza nun encontro ao que tamén asistiron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor.
No acto, que se celebrou na Cervexería O Parque, David Lamas criticou a actitude “caciquil” do alcalde ao rexeitar de xeito arbitrario que os populares puideran reunirse nun espazo público. “Un día antes deste acto, xusto despois de ser anunciado nas redes sociais e cando xa tiñamos pagadas as taxas, o alcalde decidiu negarnos o uso do espazo por ser para un partido político”, denunciou o candidato popular, que lembrou que o PSOE local si celebrou actos do seu partido no mesmo espazo.
Durante a reunión, tratouse a importancia de que Cerceda poida contar, canto antes, cun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que ofreza seguridade aos veciños e aos empresarios que desexan investir nun solo industrial que conta con graves irregularidades. “É imprescindible que Cerceda teña un novo PXOM para poder avanzar”, recalcou a conselleira de Medio Ambiente.
A máxima responsable en materia de ordenación do territorio, argumentou que durante o vindeiro mandato o novo plan xeral podería estar aprobado. Do mesmo xeito, respondendo ás preguntas dos asistentes, tamén informou dos novos proxectos que está previsto que cheguen ao municipio e do seu impacto para o Medio Ambiente. “Todos os proxectos que cheguen a Cerceda serán respectuosos co Medio, é algo que imos garantir”, asegurou.
Pola súa parte, o delegado da Xunta na Coruña e secretario de organización do PP provincial tamén quixo brindar o seu apoio ao candidato dos populares na localidade. “O Partido Popular ten postos todos os seus esforzos en acadar a alcaldía de Cerceda para poder garantir o cambio que tanto se precisa. David Lamas conta co apoio total da dirección do partido”, salientou Gonzalo Trenor.