Detido en Carballo portando unha bombona e dúas motoserras de procedencia descoñecida

1 minutes read
  • A persoa ou empresa prexudicada pode acreditar a titularidade do material incautado ante a Policía Local ou a Garda Civil de Carballo, para poder recuperalo.

Axentes da Policía Local de Carballo localizaban ás sete da mañá deste domingo a un veciño da vila de 36 anos e con numerosos antecedentes policiais portando unha bombona de butano na confluencia das rúas Vázquez de Parga con Gran Vía. Os axentes da autoridade, coñecedores do ‘modus operandi’ deste delincuente habitual, permaneceron atentos aos seus movementos e unha hora máis tarde interceptárono de novo. Neste caso portaba dúas motoserras, aparentemente usadas, pero en bo estado, polo que o seu valor no mercado podería superar os 1.200 euros. Interrogado polos efectivos policiais o individuo non foi quen de aclarar nin demostrar a súa procedencia, polo que foi detido, trasladado a dependencias policiais e a un xuízo rápido, decretando a autoridade xudicial correspondente a súa posta en liberdade. Os propietarios deste material incautado poden reclamalo ante a Policía Local ou a Garda Civil de Carballo, acreditando a súa titularidade.