O Concello pediralle á Xunta que poña os medios necesarios para mellorar as condicións dos xulgados de Betanzos. Así se comprometeu a alcaldesa, María Barral, con representantes de traballadores e traballadoras que lle trasladaron diversos problemas que padecen no seu día a día polo volume de traballo e a falta de persoal. Entre os servizos polos que desde a Alcaldía se lle pedirá á Xunta melloras está o Rexistro Civil, un servizo utilizado por toda a cidadanía, que ten unha importante carga de traballo “cos problemas que esa situación xera e que padece a veciñanza cada día”. Ademais, a primeira edil solicitará unha mellora das instalacións do Rexistro “non só de cara a unha mellor atención á cidadanía senón tamén para que os traballadores e traballadoras poidan ter unhas óptimas condicións laborais”.
28