A axencia galega de emerxencias informa de dúas persoas falecidas e outras catro feridas de gravidade nunha colisión entre dous turismos as 9 da noite deste domingo, un Focus e un Tiguan, na estrada AC-400, entre Outes e Mazaricos, de Paxareiras ao Pino do Val.
Interviron o helicóptero medicalizado do 061-Urxencias Sanitarias, os bombeiros de Xallas, axentes da Garda Civil, membros do XES Muros e voluntarios de Protección Civil de Outes e Mazaricos.
Ao parecer os falecidos, que viaxaban nun Ford Focus, quedaron atrapados no interior do turismo e tiveron que ser excarcerados, serían un matrimonio duns sesenta anos veciños de A Picota e Vimianzo, e os feridos formarían parte dunha mesma familia e con dous menores a bordo. O golpe foi unha colisión frontolateral entre os dous turismos. Como consecuencia do choque, foi preciso pechar o paso pola AC-400 e o tráfico desviouse por viais secundarios e pistas da parcelaria. Ao redor das once da noite a estrada seguía cortada.