A Praza do Concello de Carballo quedou pequena á última hora deste mércores para asistir ao pregón das Festas do San Xoán e que este ano tivo como protagonista á ex profesora o IES Alfredo Brañas, Gema Paz Bello.
A pregoeira estivo acompañada tamén da banda municipal do CMUS, do presidente da comisión, Sergio Varela, e do alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
Sergio Varela eloxiou o programa das festas, agradecendo o traballo de todas as partes implicadas na súa elaboración, co desexo dixo, de que «estean ao gusto de todos».
Tras a recepción e firma no Libro de Honra do Concello, Gema, mostrouse emocionada e honrada por ser a elixida para a ocasión. Igualmente fixo memoria da súa vida e a dos seus achegados para chegar ata aquí. Repasou a súa infancia, o seu paso polo IES Alfredo Brañas, pola AD Xiria, o FIOT e a súa colaboración, que aínda perdura, con estas e outras entidades sen ánimo de lucro.
Pechou o acto de intervencións o alcalde, Evencio Ferrero, que animou aos presentes a gozar da festa, respectando as tradicións, nun «Carballo vivo, dinámico, alegre e cun gran futuro».

Gema Paz asinou no Libro de Honra na Alcaldía, en presenza de Evencio Ferrerro.