SEA aproba a ampliación do polígono da Laracha

2 minutes read

A Sociedade Estatal “Suelo Empresarial del Atlántico, SEA” celebrou este martes o seu Consello de Administración trimestral, no que se deu o visto e prace por unanimidade á ampliación dos seus polígonos da Laracha e Monforte de Lemos, dous acordos históricos cos que a entidade responde de forma proactiva ás necesidades empresariais e industriais de Galicia.

O Consello, celebrado este 27 de xuño de forma telemática contou coa participación do director xeneral de Sepes, Fidel Vázquez; a xerente de SEA, Beatriz Sestayo; a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez; o secretario do Consello, Alberto de la Fuente e o vogal, Miguel Pino.

Con respecto á Laracha, o Consello de Administración, órgano competente para a adopción do presente acordo, autorizou a licitación e contratación do Plan estructurante de ordenación de chan empresarial, para a ampliación do polígono, unha vez se aprobe definitivamente pola Xunta de Galicia a modificación puntual número 2 do Plan Sectorial de Ordenación das áreas empresariais de Galicia, aínda que mesmo se acordou a posibilidade de contratar todas as actuacións paralelamente a fin de axilizar mesmo máis a ampliación.
O actual parque empresarial da Laracha conta con 825.249 m2 brutos, dos que 537.925 son netos e supera unha ocupación do 80%. Este mesmo ano xa se adxudicaron outros 10.000 metros cadrados de superficie e existe unha importante demanda de chan, por parte das distintas empresas, que poñen en valor a súa excelente localización e as boas condicións ofrecidas desde SEA.
A ampliación desenvolveríase nun espazo lindeiro de, aproximadamente, 316.000 metros cadrados de superficie.
No Consello de Administración presentouse o estudo de viabilidade económica financeira elaborado por SEA; así como os informes do arquitecto técnico municipal; Augas de Galicia; a Consellería de Economía en relación á concesión mineira e a solicitude e proposta do Concello.
O polígono da Laracha é xa un referente empresarial en Galicia, con compañías como Inditex, Macotex, Abelas Alexan, Esmorís, Unifersa ou Vicente Suárez S.L.