Dez minutos antes das 00:00 horas da noite deste venres unha persoa particular informaba ao 112 Galicia do accidente. Indicaba que un vehículo se saíra da vía na AC-400, quilómetro 80, en Coiro, no concello de Mazaricos, e que un dos ocupantes estaba ferido e atrapado no interior do coche.
Desde o 112 Galicia pasouse aviso ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e aos Bombeiros de Santa Comba, que decontado se desprazaron ao punto. Do mesmo xeito, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento dos membros do GES de Muros, da Garda Civil de Tráfico e dos efectivos da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Mazaricos.
Así, unha vez no punto e situado o accidente na DP-4501, entre Beba e Vilariño de Beba, os Bombeiros de Santa Comba e os membros do GES de Muros procederon a liberar ao ferido que quedara atrapado no interior do vehículo.
Con todo, os servizos sanitarios confirmaron o traslado de dúas persoas a un centro hospitalario.
Retirada dunha árbore
Os Bombeiros de Santa Comba recibiron unha chamada do CAE112 ás 21:45 horas deste venres, na que lles informan dunha árbore sobre a estrada que une os núcleos de Barro de Arriba e Cabanas, concretamente no lugar de O Campo, no Concello de A Baña. Unha vez no lugar indicado os profesionais de emerxencias procederon a torar a árbore, quedando a estrada despexada ás 22:25 horas.