Feridos graves tres mozos nun accidente de tráfico en Boiro

1 minutes read

O accidente ocorreu sobre as 00:00 horas do sábado ao domingo. Un particular informaba ao 112 Galicia, a esa hora, dunha saída de vía na Autovía do Barbanza, na AG-11, sobre o quilómetro 21, á altura de Cespón, en Boiro. Case ao mesmo tempo, tamén os servizos sanitarios daban conta dos feitos aos xestores de emerxencias, indicaban que un coche chocara contra a mediana da Autovía e que se precipitara pola ponte. Tamén, un dos implicados puido contactar co 112 Galicia, non sabía explicar o que sucedera pero aseguraba que as tres persoas que viaxaban no vehículo estaban feridas e atrapadas. Ata o lugar, unha vez posto en marcha o operativo polo 112 Galicia, desprazáronse os servizos sanitarios con tres ambulancias, os Bombeiros de Ribeira, a Garda Civil de Tráfico e os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil de Boiro. Unha vez liberados os feridos polos Bombeiros, o persoal sanitario confirmou o traslado dos tres, dous varóns e unha moza, ao Hospital Clínico de Santiago. Así mesmo, os Bombeiros indicaron que o vehículo xa fora retirado por un guindastre e que a estrada quedara totalmente limpa xa que o accidente tivera lugar fora da Autovía. Con todo, o persoal do Centro de Control da Autovía confirmou que o carril que fora interrompido ao tráfico mentres os servizos de emerxencias traballaban na evacuación dos feridos, xa estaba aberto á circulación.