Presentada a oitava edición do festival Castelo Conta

1 minutes read

Do 21 ao 27 de agosto, a cullerdense parroquia de Castelo acollerá a VIII edición do Castelo Conta. Así se anunciou na presentación que tivo lugar na tarde deste xoves 20 de xullo en Castelo, e na que o director do festival, Xosé A. Touriñán, avanzou a programación desta edición.
Ao acto de presentación asistiron a Concelleira de Cultura do Concello de Culleredo, Penélope López; Natividade González, en representación da Deputación da Coruña e o conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez; así como representantes das empresas patrocinadoras do festival, Estrella Galicia e Deleite.

Touriñán agradeceu aos veciños que fan a posible a organización do festival así como as empresas e administracións que participan ano tras ano apoiando un proxecto xa consolidado no calendario de festivais de Galicia.

A programación deste ano mantén actividades habituais, como o Día Grande do Castelo Conta. Esta xornada celebrarase o sábado 26 de agosto cunha andaina polo Monte Xalo, que rematará no alto, cun concerto de Abraham Cupeiro e a Noite dos Monólogos, conducida polo propio humorista. Este espectáculo reunirá a cómicos e cómicas do panorama galego como Pepo Suevos, David Amor, David Perdomo, Lucía Veiga, Marita Martínez, Rober Bodegas e Noemi Rodríguez. Noemi Rodríguez tamén impartirá un obradoiro para poñer en marcha un proxecto escénico.
A música virá da man de artistas e grupos como Xabier Díaz, Susana Seivane, Belém Tajes, Familia Caamagno, Combo Viramundo, Muchachito e Lamatumbá, entre outros. Así mesmo, Castelo tamén acollerá espectáculos de humor como Corentena, de David Perdomo e Touriñán, narración oral co poeta Celso Sanmartín ou a estrea da curtametraxe Nena.