O Concello de Cerceda finaliza a elaboración do Informe de seguimento do PACES (Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible), unha iniciativa europea na que os gobernos locais e rexionais comprometéronse de forma voluntaria a implantar no seu territorio os compromisos en materia de clima e enerxía da Unión Europea.
A Administración local adheriuse ao Pacto das Alcaldías en marzo de 2021 e elaborou o seu primeiro informe PACES en novembro de 2021. Entre os compromisos que se adquiriron está o de reducir en, polo menos, un 40% as emisións de CO2 no concello de cara ao ano 2030, tomando como ano de referencia o 2015. Outro dos compromisos adquiridos é o de aumentar a capacidade de resiliencia do concello mediante a adaptación ao cambio climático.
Tras dous anos, e tal como establece o Pacto das Alcaldías, debe avaliarse o estado das medidas que se propuxeron para comprobar se o concello de Cerceda está en boa dirección para alcanzar o compromiso de redución das emisións de cara ao 2030. Ademais, o Concello de Cerceda, en consonancia co seu compromiso coa sustentabilidade e a mellora ambiental, no presente informe inclúe novas medidas orientadas á adaptación ao cambio climático e á loita contra a pobreza enerxética.