Santiago mantén os descontos do 50% nos bonos multiviaxe do bus urbano

1 minutes read

A Xunta de Goberno local de Santiago de Compostela deu luz verde este luns á solicitude de axudas para manter os prezos reducidos nos bonos de transporte urbano de viaxeiros. O Concello asume unha bonificación do 20% que se suma á do 30% establecida polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Os prezos dos bonos multiviaxe do autobús urbano manterán o actual desconto do 50% ata o próximo 31 de decembro.

O Concello de Santiago súmase así á liña de axudas financiadas polo Goberno central, no marco do decreto-lei de medidas para facer fronte á inflación que vén de ser prorrogado ata final de ano.

Tras a publicación o pasado 28 de xuño no BOE da prórroga do decreto-lei, o Concello manterá tamén as achegas propias para que os descontos nos bonos alcancen o 50%. Ata o próximo 31 de decembro, o prezo do bono ordinario manténse en 0,30 euros por viaxe; o bono escolar en 0,20 euros, e o bono mensual en 13 euros. O desconto aplicarase directamente ao recargar os bonos, sen necesidade de ningún outro trámite. Pódense empregar as tarxetas bono actuais, polo que non é preciso adquirir unha nova tarxeta se xa se conta cos bonos ordinarios, escolar ou mensual. Estes descontos chegarán ao 90% das persoas usuarias do transporte urbano, que son as que utilizan estas tarxetas.