A Cidade da Cultura custodiará e divulgará todo o legado de Arcadio López Casanova

1 minutes read

A Cidade da Cultura custodiará e divulgará o legado de Arcadio López Casanova, homenaxeado na edición deste ano da Festa da Palabra na Insua dos Poetas do Carballiño. Así o anunciou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nesta celebración na que tamén participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Ourense Gabriel Alén.

No acto, os representantes da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades coincidiron en que López Casanova foi “un home dunha auténtica cultura e enorme erudición literaria que fixo da súa obra unha enciclopedia atemporal de canto cultivou en poesía galega durante séculos”. Del salientaron o seu traballo tamén no teatro, literatura infantil e a docencia, que exerceu como profesor de literatura, así como o seu compromiso por “renovar a poesía galega” sumando unha perspectiva “máis social”. “A súa era unha literatura libre de todo xénero, onde podía caber de todo: collage, ilustración, caligrama”, engadiron.

Neste senso, o director xeral de Cultura explicou que se trata dun legado que merece ser recoñecido e cada vez máis divulgado, para o que a Xunta está a catalogar toda a súa obra para poñela a disposición do público. En concreto, a Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura, custodiará o seu legado, preto de 4.000 libros da súa biblioteca persoal que foron doados pola súa viúva, María del Carmen Paramio, en marzo deste ano. “O noso obxectivo é traballar co material para crear unha colección coa obra completa e dar visibilidade ao gran traballo literario de Arcadio”, avanzou.