Este sábado tivo lugar no Acevedo a XXIV Festa do Cochiño de Cerceda, que se consolida como unha das grandes citas gastronómicas do verán de toda a comarca.
No evento, organizado polo Concello coa colaboración da Deputación da Coruña, instaláronse un total de 97 carpas particulares distribuídas 21 delas ao longo do río na zona do Aquapark, 47 no Xardín Botánico e 29 ao longo do río na zona do centro da Terceira Idade.
As agrupacións folclóricas San Martiño de Cerceda e Faíscas da Pontraga, coa charanga A Santa Compaña, amenizaron a xornada, que tivo como momento culme ás 14:00 horas, momento da degustación do prato que lle da nome a esta celebración, ademais doutros pratos típicos da cociña galega como churrasco ou polbo.
Puxéronse a disposición das máis cativas e cativos de Cerceda inchables desde as 15:30 horas para que puideran desfrutar aínda máis desta xornada. Pola noite, tiveron lugar as actuacións das orquestras Cinema e Panorama, que pecharon a xornada ben entrada a madrugada.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destacou esta festa como “gran patrimonio inmaterial de todas e todos os cercedenses que o Concello manterá e impulsará”. Estímase que ao redor de 10.000 persoas visitaron Cerceda durante toda a xornada.