Cabana | Riobó ultima os preparativos para o seu agardado regreso ao medievo

1 minutes read

O Concello de Cabana ultima os preparativos para acoller este sábado o agardado regreso da Tarde Noite no Medievo, un dos eventos máis singulares da comarca que este ano cumpre a súa décimo cuarta edición.

A xornada dará comezo a partir das 18:00 horas cunha andaina á Torre da Penela, onde se levará a cabo a escenificación do espectáculo “Terra de Raíñas”.

En Riobó, tamén desde as 18:00 horas as persoas asistentes poderán gozar de paseos a cabalo, xogos tradicionais, degustacións, espectáculos de maxia con Iago Espasandín e exposicións artesanais, amenizado co acompañamento musical de agrupacións como O Son do Castro, Os Farrapos, Os Enxebres de Cabana, Maruxía de Laxe, Os Repichocos, Son de Cabana e As Cantareiras de Riobó.

Ás 19:00 dará comezo o espectáculo de baile a cargo do grupo de danza tradicional Inllar e unha hora máis tarde, ás 20:00, o cabanés Eloy Mato será o responsable da lectura do pregón antes de que as catro parellas inscritas poidan darse o “sí quero” nas prevodas medievais, programadas para as 20:15.

Unha vez finalizadas as nupcias darase paso ao convite da pitanza do Santo e ás 20:45 horas a música será a protagonista coas actuacións de O Son do Castro, Os Farrapos, Os Enxebres de Cabana e Maruxía de Laxe.

Pola noite o fin de festa estará amenizado baixo o ritmo de Festicultores Troupe e a Banda da Balbina.

Desde o goberno local fan un convite á veciñanza e aos visitantes “a asistir a unha das festas máis arraigadas na cultura cabanesa” e destacan o valor cultural “dun evento único en Bergantiños e na Costa da Morte”.