O parque García Alén de Buño acolleu este xoves ás 12 do mediodía, como estaba previsto, a inauguración da Mostra da Olaría 2023. No acto estiveron presentes varios concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno de Malpica, con Alfredo Cañizo á cabeza e o alcalde Eduardo Parga. Acompañáronnos o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela e a concelleira Rocío López, entre outras autoridades. A inauguración estivo marcada pola división entre o Concello e os oleiros, quenes declinaron a súa participación no evento e tampouco contribuíron á apertura das súas tendas, tal e como xa habían anunciado días atrás. Ambos bandos mostraron respeto mútuo, pero as diferenzas eran palpables no ambiente.
No acto oficial de inauguración, Alfredo Cañizo tomou a palabra para agradecer a asistencia dos presentes afirmando que sempre lle gustou presumir da artesanía de Buño e que o seguirá facendo alá por onde vaia, loitando polo que é de Buño e do Concello. Animou aos presentes a gozar tamén das actividades paralelas que completan o cartel e concluíu emocionado ao lembrarse de “Manuela da Mariñana”, unha das mulleres históricas da Olaría de Buño e que lle foi entregado un cadro cunha foto súa.

Acto seguido o alcalde, Eduardo Parga, lembrouse do traballo realizado para que a Mostra se celebrase, tamén da súa intención de entendemento e diálogo entre todas as partes implicadas, que finalmente non foi posible. Lembrou que o diálogo é a única maneira de seguir avanzando para que no vindeiro ano 2024 Buño teña a Mostra que se merece. Concluíu afirmando que como alcalde, seguirá petando a todas as portas que sexan necesarias para que Malpica e o pobo de Buño teñan a mellor Mostra posible.
Unha trintena de persoas apoiaron as reivindicacións dos oleiros contra a organización do evento, concentrados fronte ao parque de García Alén.