Máis de 100 motos cada día no circuito aberto de Cerceda

1 minutes read

O circuíto aberto de motocross de Cerceda está en auxe, grazas ó convenio de colaboración asinado entre Motopark Cerceda e Concello. Máis de 100 motos ó día ocupan este espazo ata o 13 de agosto. A instalación conta con luz, auga, duchas e servizo de panadaría para cubrir as necesidades dos e das deportistas.

Aberto en horario de 9:00 a 14:00 horas, chegan pilotos tanto locais como de distintos puntos de España, Portugal e Europa, que compiten en campionatos nacionais, europeos e mundiais, para realizar a súa preparación. As condicións do terreo son idóneas, así como o clima, o que o fai un recinto envexable para esta práctica. Estes días tamén fan uso do mesmo máis de 40 pilotos que forman parte da escola infantil 8.14 de Julio López, con base en Madrid.

Dada a boa ubicación xeográfica do circuíto, próxima á praia artificial e piscinas, Aquapark, rutas BTT ou de sendeirismo e todos os servizos necesarios que se poden atopar no municipio, fan que cada día o visiten máis deportistas desta modalidade.

O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, destaca a importancia de que “en Cerceda contamos cun espazo de motocross moi visitado e cun gran potencial, en base ao cal miramos ao futuro con moita ilusión por todas as posibilidades que pode ofrecernos. Temos sempre a man tendida para colaborar e abrir máis vías de éxito”, concluíu.