A Coruña conta as horas para a chegada da regata Tall Ships Races

1 minutes read

Está confirmada a chegada dun total de 12 grandes veleiros á cidade, con máis de 800 persoas que conforman as tripulacións que participan na competición, así como dos buques pertencentes á Armada española e á Armada portuguesa. Estarán atracados entre o xoves 24 e o domingo 27 -día da parada naval previa á súa despedida- nos peiraos interiores e tamén na contorna do Náutico.

As embarcacións en cuestión, cuxos anos de botadura están datados entre o 1913 e o 2000, son o ‘Juan de Lángara’ e ‘Atyla’ (abandeiradas por España), o ‘Veracruz’ (Portugal), o ‘Capitán Miranda’ (Uruguai), o ‘Challenge Wales’, o ‘Maybe’ e o ‘Jolie Brise’ (Reino Unido), o ‘Cuauhtémoc’ (México), o ‘Dar Mlodziezy’ e o ‘Fryderyk Chopin’ (Polonia), o ‘Georg Stage’ (Dinamarca), e o ‘Stella Polare’ (Italia).

Tamén está certificada a presenza do veleiro ‘Nautilus’, pertencente á Armada española, que formará parte na saída da regata. Por outra banda, o buque de referencia para as autoridades será o patrulleiro ‘Atalaya’, tamén adscrito á Armada. Ademais, dous veleiros da Armada portuguesa, o ‘Zarco’ e o ‘Polar’, estarán presentes nesta cita.