Camariñas reparte 23.000 euros entre as asociacións de festas do municipio

1 minutes read

O Concello de Camariñas celebrou este luns un pleno extraordinario no que se aprobou, cos votos a favor do PSOE e a abstención de PP e BNG, as subvencións nominativas ás asociacións de festas para o ano 2023, que suman un total de 23.000 euros.

Estas axudas están dirixidas a: Asociación cívica, cultural, deportiva e recreativa ‘Virxe do Carme’ de Camariñas (10.000 euros); Asociación de Festas de San Pedro da Ponte do Porto (3.000 euros), Asociación Cultural Espíritu Santo de Camelle (3.000 euros), Asociación Cultural San Xurxo de Buría (3.000 euros), Asociación Cultural Os Bartolos de Arou (2.500 euros), Asociación de Veciños Casoliño (1.000 euros) e Asociación Cultural Reghos dos Cuiros (500 euros).

Na sesión plenaria tamén se aprobou, cos votos a favor do PSOE e en contra de PP e BNG, un Plan de Subvencións que nace co obxectivo de mellorar a execución das diferentes liñas de axudas municipais a entidades. Maior información sobre as subvencións e máis eficacia ao cubrir as necesidades das entidades son as metas principais que persegue este plan, que pretende subvencionar materias no eido da acción social (emerxencias sociais), cultural (premios do Entroido, os premios do concurso de Noveis Deseñadores da Mostra do Encaixe, axudas ás asociacións de festas e culturais…) e deportivo (asociacionismo deportivo, clubes…)