Novo panel informativo no miradoiro de Sambade, en Baldaio

1 minutes read

A Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Carballo vén de colocar un novo panel con información sobre a importancia das marismas para a conservación dos recursos naturais, así coma unha serie de consellos para conservalas no mellor estado posible. Toda a información está dispoñible en galego, castelán e inglés.

A mesa informativa de Sambade súmase ao panel instalado a semana pasada na zona da ponte de Baldaio, e forma parte dun plan de sinalización e posta en valor dos recursos naturais que inclúe un total de 15 elementos físicos de distinto tipo, en función do seu emprazamento e das características do espazo.

O soporte situado xunto ao sendeiro peonil de Baldaio, entre a caseta de observación de aves e a ponte, estase a converter nun punto de referencia para as persoas que visitan a zona, e xa son moitas as fotografías realizadas aproveitando o marco do propio panel coa marisma de fondo. Para facilitar a súa utilización, este xoves quedou instalada unha “zona selfie”, que non é máis ca un soporte de madeira especialmente preparado para poder colocar o teléfono móbil á altura e á distancia axeitadas para tomar a fotografía. A intención do Concello de Carballo é seguir renovando, completando ou implantando elementos físicos que contribúan á divulgación dos principais valores medioambientais do litoral carballés para seguir promovendo un turismo cada vez máis sustentable.