O Concello de Brión convoca unha nova ruta de sendeirismo para o sábado 9 de setembro, que terá como destino a Mariña Lucense. A excursión será un interesante percorrido pedestre pola beira da costa cantábrica galega, con inesquecibles paisaxes e pequenos tesouros naturais e patrimoniais.
Hai unha dispoñibilidade de 100 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición e para as que terán preferencia as persoas empadroadas en Brión. A inscrición será ata as 14:00 h. do día 7 de setembro, e para confirmala é necesario entregar na Casa da Cultura de Brión a folla de taxas municipais correctamente cuberta e asinada. Non se aceptarán pagamentos conxuntos.
O prezo é o mesmo que nas anteriores edicións: 8 euros, e a dificultade da ruta é baixa. A expedición sairá ás 8:00 h dende a Carballeira de Santa Minia (Pedrouzos-Brión). É necesario que os participantes leven comida tipo pic-nic para o xantar, así como roupa e calzado cómodo e axeitado para o tipo de actividade a realizar. Para máis información ir á Casa da Cultura de Brión ou chamar ao teléfono 981 50 99 08.
