Un home resultou ferido ao envorcar o tractor que manexaba en Negreira

1 minutes read

Os feitos ocorreron na finca dunha vivenda do lugar de Trece, en Liñaio, e o ferido foi evacuado ao centro hospitalario en helicóptero.

O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ás 9:45 horas deste xoves, cando o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 púxose en contacto alertando dun home que acababa de envorcar cun tractor. Durante a conversa indicaban que este permanecía liberado e accesible, pero precisaba asistencia sanitaria de urxencia.

Rapidamente, desde o 112 Galicia activouse un operativo que contou coa participación do GES de Brión, da Garda Civil, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Negreira.

Ao mesmo tempo, o persoal sanitario comunicaba que estaban a mobilizar unha ambulancia e o helicóptero medicalizado con base en Santiago, que se encargou do traslado do ferido.