Iniciadas as obras da senda peonil de Coruxo de Arriba a Montrove, en Oleiros

1 minutes read

A Deputación da Coruña inviste case 176.000 euros en crear unha senda peonil na estrada provincial DP – 5810, que vai desde Coruxo de Arriba a Montrove, no Concello de Oleiros. O tramo froito da actuación transcorre entre o PQ 0,5 e o PQ 0,79.

Proxéctase o saneamento do terreo existente nas zonas de ampliación da plataforma contiguas á estrada actual, as cales consistirán na escavación cunha profundidade de 75 cm e o posterior recheo con material competente procedente da propia escavación ou de préstamos.

A continuación colocarase unha capa de xabre artificial de 30 cm de espesor, e sobre esta estenderase unha capa intermedia de mestura bituminosa en quente de 5 cm. Para a execución da senda será necesario a creación de pequenas demolicións co fin de ampliar o dique existente na zona do lavadoiro para dar continuidade ao itinerario peonil, e colocarase unha varanda de madeira a fin de garantir a seguridade dos peóns.

Para a captación de augas pluviais, colocaranse sumidoiros cada 25 metros , e inclúense unidades de sinalización horizontal e vertical así como o retranqueo dos postes das instalacións telefónicas e eléctricas.

Por último, tomaranse medidas para garantir a fluidez e seguridade da circulación no tramo de estrada afectado durante a execución das obras, con expresión dos desvíos de circulación precisos e dos períodos nos que se pode perturbar dita circulación.