- O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros.
O Concello de Boqueixón convoca a novena edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.
O certame está aberto ao público en xeral (no caso de menores de 18 anos, a solicitude deberá incluír unha autorización do pai/nai ou titor/a) e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. As imaxes deberán ser tomadas no municipio de Boqueixón e a súa temática versará sobre aspectos que recollan a riqueza natural, histórica, cultural e etnográfica do concello.
As fotografías deberán presentarse en formato horizontal, cun tamaño mínimo de 2000 x 1500 px (cunha resolución de 150 pp). Ademais, non se admitirán montaxes nin manipulacións das fotografías (salvo que sexan exclusivamente tratamentos de cor ou axustes relativos á calidade ou procesado da imaxe). Como en anos anteriores, non se admitirán fotografías nas que aparezan persoas e as imaxes propostas deberán ser orixinais e inéditas. O prazo de envío das propostas rematará o próximo 15 de novembro.