Afortunadamente, en ningún dos dous incendios houbo que lamentar danos persoais.
Pasados 15 minutos das 13 horas deste domingo, un particular chamaba ao 112 Galicia para pedir axuda. Indicaba que lle ardía o tellado da adega que tiña ao carón da vivenda, na AC-566, ao seu paso por Castro, en Narón.
De contado, os xestores do CIAE-112 deron aviso aos Bombeiros de Narón e aos axentes da Policía Nacional e Local.
Tras realizar as tarefas de arrefriamento, os Bombeiros indicaban que cando chegaran ao punto, o particular xa fora capaz de sufocar as lapas cunha mangueira, e que se trataba dunha pequena adega que fora arranxada como taller artesá.
Con todo, os servizos de emerxencia finalizaban a actuación informando de que ardera unha pequena chemenea e o falso teito.
Minutos despois, ao fío das 13:30 horas, o CIAE-112 recibía outra alerta dunha bodega ardendo en Narón. Neste caso, o incendio producíase no Lugar de As Agras.
Foi a chamada doutro particular informando que ardía unha adega situada ao carón da vivenda.
Axiña, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Narón, aos axentes da Policía Nacional e Local e aos membros de Protección Civil de Narón.
Unha vez extinguido o lume e refrixerada a zona, os Bombeiros indicaban que ardera a estrutura da adega e todo no seu interior. Segundo a información remitida por parte dos servizos de emerxencia, o lume podería haberse iniciado nunha cociña que se albergaba no interior.