Entregadas no Castelo de San Antón as pezas arqueolóxicas atopadas en Brandomil, Zas

1 minutes read

O castelo de San Antón acolleu a entrega dunhas pezas arqueolóxicas atopadas nunha escavación de Brandomil (Zas), realizada o pasado mes de xuño. Estes restos, de gran valor arqueolóxico, datan principalmente do século I, e atopáronse no predio de Pedra do Altar.

Materiais cerámicos na súa maioría, do século I; pezas puntuais do século II de contexto máis funerario, e outros pertencentes a unha ocupación esporádica do século IV foron descubertos nos traballos de limpeza dun muro romano en forma de L, cun pavimento de moita calidade.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde do Concello de Zas, Manuel Muiño, foron os encargados de entregar estes restos arqueolóxicos, acompañados do arqueólogo director, Lino Gorgoso e do secretario da Fundación Brandomil, Enrique Iglesias.

Unha vez entregados os materiais, dende o Castelo de San Antón procederán á súa análise para a súa posterior exposición ou almacenamento.

Actuacións coma esta contan co apoio da Deputación da Coruña, que financia a Fundación Brandomil para a realización deste tipo de escavacións que permiten coñecer a riqueza arqueolóxica do xacemento.