O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou unha visita institucional ao Concello de Rianxo, onde se reuniu co alcalde, Julián Bustelo, para comprobar de primeira man os investimentos realizados por parte da Deputación no municipio.
Na visita tamén participaron a deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, e a deputada provincial de Servizos Sociais, Mar García, representantes do goberno local, o concelleiro Óscar Rial, e o patrón maior da Cofraría de Pescadores de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias.
Formoso declarouse moi satisfeito “de contribuír mellorar infraestruturas, reforzar a cultura e de potenciar os servizos sociais do Concello de Rianxo a través de distintos investimentos, como a mellora na DP – 7202, as axudas á súa Escola de Música e a creación dunha das tres residencias públicas da Deputación”.
O alcalde de Rianxo, Julián Bustelo, quixo “agradecer ao presidente da Deputación o seu compromiso con Concello de Rianxo a través de todos estes investimentos no eido de infraestruturas, cultura e servizos sociais”.