A Federación Galega da Construción acolleu este xoves a reunión do consello de goberno da Confederación Nacional da Construción, que preside Pedro Fernández Alén.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado da conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, clausurou a sesión cos representantes da patronal da construción.
A continuación realizaron unha visita ás instalacións do consello territorial de Galicia da Fundación Laboral da Construción en Santiago de Compostela, lugar onde se celebrou a reunión.
Os representantes da patronal do sector abordaron desafíos da industria como a falta de man de obra, a necesidade de incorporar a mozos e mulleres ao sector, así como as novas esixencias técnicas e ambientais ou a escalada das materias primas que ameaza a viabilidade dos proxectos, nun momento de chegada de fondos europeos.
O presidente da Federación Galega da Construción, Diego Vázquez Reino, destacou que esta cita é “unha proba da importancia da construción como sector estratéxico clave para a execución das infraestruturas e o desenvolvemento industrial e enerxético que se prevé para Galicia”.
Tras o xantar, os representantes da confederación nacional trasladáronse ao Obradoiro para realizar unha visita guiada ao Pórtico da Gloria e aos interiores da Catedral de Santiago.